Wednesday 01 de May de 2024

Moeche intégrase nun proxecto europeo para a promoción de comunidades enerxéticas


O Concello de Moeche, en colaboración coa veciñanza, leva varios meses dando os pasos necesarios para a constitución dunha comunidade enerxética que posibilite o autoabastecemento dunha parte importante do consumo eléctrico nos domicilios integrados na comunidade e tamén nas instalacións municipais. Polo proxecto, aínda en fase de preparativos, xa mostraron interese 22 familias do municipio, ademais do propio consistorio. Recentemente producíronse dous importantes avances: por unha banda a concesión dunha subvención por parte da Xunta de 10.890 euros para levar a cabo o estudo de viabilidade previo á constitución formal da comunidade e, por outra, a adhesión de Moeche ao programa europeo EC4RURAL, liderado pola FEGAMP e a Universidade de Vigo xunto con outras institucións que liberará 700.000 euros en Galicia para iniciativas relacionadas co autoconsumo e a transición verde.

O proxecto europeo EC4RURAL botou a andar en setembro co obxectivo impulsar a transición cara as enerxías limpas nas zonas rurais europeas a través de comunidades enerxéticas. A Universidade de Vigo lidera o consorcio multidisciplinar do que forman parte a Universidade de Tartu (Estonia), a Federación Galega de Municipios e Provincias, a Asociación de Cidades e Municipios de Estonia, a Axencia Rexional da Enerxía de Tartu, a cooperativa Sapiens Energía, a Unión LEADER de Estonia, Espazocoop Unión de Cooperativas Galegas, a Fundación Juana de Vega e a Asociación Europea de Grupos LEADER para o Desenvolvemento Rural, de Bélxica.

EC4RURAL desenvolverase no período 2023-2027 con financiamento do programa Life e, tal e como aseguran desde a UVIGO, con el preténdese “axudar a transformar as relacións entre as autoridades locais e rexionais e as comunidades rurais para contribuír así á transición cara unha enerxía limpa en Europa, garantindo que estas zonas rurais formen parte e se beneficien dos procesos de transición liderados por comunidades que producen electricidade mediante paneis fotovoltaicos”.

Como explican dende o equipo do proxecto, este cambio de paradigma arrancará a través de dúas iniciativas piloto en Estonia e España, que permitirán a creación e posta en funcionamento de 34 comunidades enerxéticas en outros tantos municipios rurais, 12 en Estonia e 22 en Galicia.

Entre os concellos galegos encóntrase Moeche, que recentemente se adheriu á iniciativa nun encontro no que participaron o profesor da Universidade de Vigo, Xabier Simón, a alcaldesa Beatriz Bascoy, a Concelleira Desenvolvemento local Cristina García e o asesor enerxético da Deputación da Coruña Xosé Manuel Golpe.

Subvención autonómica
A integración de Moeche no programa europeo EC4RURAL prodúcese nun momento en que a Administración local e a veciñanza xa teñen parte do camiño andado para a constitución dun colectivo de autoconsumo. O Concello iniciou en 2021 o labor de dinamización con axuda da FAEPAC, dando a coñecer en que consisten as comunidades enerxéticas e abrindo un tempo para que as familias puidesen mostrar o seu interese en crear unha delas en Moeche.

Como resultado dese proceso sumáronse á iniciativa, por agora, un total de 22 domicilios das cinco parroquias do municipio. Agora toca avaliar os aspectos técnicos, económicos e administrativos do despregamento de paneis solares, ademais da viabilidade dun proxecto no que o Concello “sería un máis da comunidade”, tal e como explica Beatriz Bascoy. “Traballamos coa idea de facer unha instalación principal de paneis fotovoltaicos no recinto feiral de San Ramón, por ser un espazo público con suficiente superficie para o despregamento. O Concello e a veciñanza participante asumirían o investimento necesario de maneira solidaria, aínda que a comunidade enerxética tamén podería recibir achegas para reducir ao mínimo eses custes. Na creación do colectivo e na súa xestión posterior, o Concello, que neste momento está promovendo o proxecto, participaría en igualdade de condicións que o resto de veciñas e veciños mebros da comunidade “.

O Concello de Moeche vén de conseguir unha subvención do Fondo de Cooperación Local da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes por importe de 10.890,00 € para levar a cabo o estudo de viabilidade. Unha vez elaborado, o documento permitirá dispor dunha ferramenta de diagnose fundamental para iniciar o trámite de constitución formal da comunidade.

As persoas que solicitaron formar parte do proxecto recibirán información sobre os pasos que deberán dar e os resultados da análise, onde se recollerán as mellores zonas para poñer en marcha a comunidade. “Aínda que se comece por unha zona en concreto, como sería a instalación aproveitando as cubertas do recinto feiral e os núcleos relativamente próximos, ou alí onde haxa máis persoas interesadas, veríase a maneira de que as zonas máis afastadas onde non sexa viable economicamente tamén puidesen beneficiarse dos descontos na factura da luz”, avanza Beatriz Bascoy. “Esa é unha das cuestións que se analizarán no estudo que se vai facer agora e que tamén recollerá a fórmula legal que deberá adoptar a comunidade”, engade a alcaldesa.

Malia que o prazo para solicitar a entrada no grupo xa rematou, se algunha persoa está interesada en sumarse a esta iniciativa colectiva pode enviar un correo a enerxia@moeche.gal.